| Por que os tempos están cambiando |
| Martes, 30 Xuño 2009 12:00 | |||
|
Por Afonso Sánchez Regueiro A candidatura coa que fun elixido Responsable-Portavoz Local o pasado xoves é un exemplo de pluralidade, diversidade e riqueza. Unha candidatura que amosa como persoas e colectivos diferentes son capaces de falar e chegar a acordos respectándose mutuamente. Entendo que esa é a dinámica que enriquece e dá vida ao BNG.A aposta polo BNG A nosa é unha aposta por liderar o BNG. Unha aposta por comunicar e pór en valor o traballo feito durante estes anos, tanto na organización como nas institucións. En definitiva, unha aposta por ofrecer á cidadanía da Coruña desde o BNG unha forma de pensar e de actuar aberta e plural. A nova dirección é renovadora pero non xubila a ninguén, é nova pero non bota pola borda os poucos referentes sociais que tanto esforzo nos custou crear. Pero ante todo, é unha dirección innovadora que aspira a superar dinámicas de ensimismamento e contracción. O proxecto político debe ser actualizado, os referentes sociais anovados e as nosas liñas programáticas deben ser próximas aos intereses do noso electorado. O novo Consello Local está integrado polo conxunto de colectivos e partidos que conforman o BNG, pero fundamentalmente está composto por unha ampla maioría de militantes independentes que non teñen máis referencia que o BNG. Por certo, militantes independentes en contacto coa sociedade e co pobo ao que queremos servir. Persoas que lle imprimen ao proxecto político do nacionalismo abertura e presenza social. Persoas que conectan coa sociedade nacionalista e coa que non o é, aquela coa que debemos contar tamén para construír un proxecto político hexemónico para a nosa nación.
A cidadanía e o BNG Sei que a sociedade non entende as divisións internas do BNG, pero moito menos entende e desculpa as dinámicas de enrocamento e resistencialismo. Temos que dar resposta ao que a sociedade demanda de nós. Iso é o importante e o urxente. Iso é o que nós pretendemos facer. A aposta ten que ser integradora e non excluínte. Neste camiño precisamos contar con todos e todas. Cos de dentro e cos que aínda están fóra. O BNG precisa maior presenza social e coidar a relación cos simpatizantes e votantes. A nosa febleza non é ideolóxica. Reiterar os dogmatismos cos que se nos quere asociar debilítanos frente a unha sociedade aberta e plural. Debemos mudar o que sexa preciso para reforzar a imaxe que nos caracteriza como unha forza política diferente, fresca, dinámica e ilusionante. Radicalmente oposta ao que significan o PP e o PSOE. As ideas que nos impulsan É esencial reforzar as ideas e ofertas programáticas da mellor tradición nacionalista, aquelas que nos son propias: as políticas de esquerda que contribúen á redistribución da riqueza e ao benestar social, o ecoloxismo, o pacifismo, as políticas de igualdade, a defensa das liberdades... Unhas liberdades que hoxe comezan polo noso idioma, a língua coa que estamos no mundo. Temos a inmensa fortuna de contar cun idioma propio que nos dá vida e riqueza, polo que debemos parar, con toda a nosa forza, os ataques que sofre por parte dos sectores máis reaccionarios e insensibles da sociedade. Imos reforzar a nosa aposta pola xuventude, tradicionalmente o electorado máis afín ao BNG. A mocidade escoitaranos só coa condición de que nós a escoitemos. A xuventude reclama o seu papel activo na sociedade e, tamén, na política e no BNG. Quere cambiar as cousas. Activar e atraer aos mozos e mozas ao noso proxecto político é esencial para a nosa superviviencia como organización e para o noso éxito electoral e social. O BNG debe ter moi presente o que está a acontecer co electorado urbano, nomeadamente o da nosa cidade. Ese electorado que en todo o país nos permitiu acadar cotas de poder institucional inéditas para o nacionalismo. Debemos reforzar a nosa aposta programática pola Coruña como líder dunha área metropolitana puxante e moderna. Que o noso modelo de cidade se convirta en eixo do debate da Coruña do futuro, amosando as nosas apostas por desenvolver políticas de vivenda, de mobilidade ou medio-ambientais que dean satisfacción ás aspiracións da cidadanía progresista. É urxente desenvolver un proxecto socio-económico de futuro que xere prosperidade e sexa ambientalmente sustentable. Non debemos permitir que sexa a dereita quen, en connivencia cos poderes fácticos, marque a axenda pública. Fixádevos que significativa é a mobilización da dereita na nosa cidade. Durante anos cómoda no silencio e na complacencia co que estaba a acontecer, de súpeto emerxe como garante dos valores máis rancios e, incluso, xenófobos. Eles só nos toleran minimizados e marxinados. E combátennos cando nos convertemos en referentes sociais e institucionais. A opinión do BNG debe ser visible na sociedade. Para eso debemos ter outras formas de comunicar, nomeadamente as novas ferramentas electrónicas, como a que estades a usar neste momento, que permiten unha relación bidireccional. Porque os tempos son chegados, pero tamén porque están cambiando, propoñémonos que A Coruña lidere o proxecto nacionalista que a sociedade espera do BNG.
|



A candidatura coa que fun elixido Responsable-Portavoz Local o pasado xoves é un exemplo de pluralidade, diversidade e riqueza. Unha candidatura que amosa como persoas e colectivos diferentes son capaces de falar e chegar a acordos respectándose mutuamente. Entendo que esa é a dinámica que enriquece e dá vida ao BNG.