| O BNG ESIXE EXPLICACIÓNS AO MINISTERIO DE CULTURA POLA SUPRESIÓN DO CENTRO INTERNACIONAL DE RECURSOS SOBRE A CULTURA EUROPEA QUE SE ÍA CREAR NA CORUÑA |
| Mércores, 03 Febreiro 2010 18:19 | |||
Francisco Jorquera considera “pouco serio” que o cambio de titular do Ministerio provocase a anulación do proxecto e subliña que “é moi recomendábel descentralizar a Administración do Estado”O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda explicacións ao Ministerio de Cultura pola supresión do Centro Internacional de Recursos sobre a Cultura Europea que se ía crear na Coruña. Jorquera lembra que o 13 de decembro de 2008 o entón ministro de Cultura, César Antonio Molina, anunciou nunha visita oficial á Coruña a creación do Centro de Estudos da Cultura Europea. Posteriormente, o 23 de xaneiro de 2009, o Consello de Ministros dáballe o visto bo ao proxecto, agora rebautizado como Centro Internacional de Recursos sobre a Cultura Europea (CIRCE), e anunciou que a sé instalaríase no edificio do antigo Goberno Militar, no cidade vella da Coruña, grazas a un convenio co Ministerio de Defensa. O devandito convenio de cesión da parcela asinouse entre o ministro de Cultura e a titular de Defensa o 3 de febreiro do pasado ano. Asemade, fixáronse os prazos: no 2010 redactaríase o proxecto e no 2011 o centro estaría xa operativo. O investimento estaba previsto que ascendese a 15 millóns de euros e mesmo se chegou a anunciar que neste “corazón da cultura europea” chegarían a traballar máis dun cento de persoas. “Das promesas só queda un xigantesco cartaz”Porén, o deputado do BNG denuncia que “este ambicioso proxecto quedou paralizado co cambio de titular do Ministerio, de xeito que a nova ministra, Ángeles González-Sinde, non consignou ningunha partida nos seus orzamentos de 2010 a este proxecto”. “O único que queda do CIRCE é un xigantesco cartaz colocado na fachada do edificio do antigo Goberno Militar, nada máis”, critica Francisco Jorquera. O parlamentario nacionalista asegura que “de confirmarse a anulación do proxecto do CIRCE para a cidade da Coruña, quedaría en entredito a confianza e respecto institucional do Goberno español, xa que os compromisos son do Goberno, non dos vaivéns dunha ministra en concreto”. Por todo isto, Francisco Jorquera esíxelle explicacións ao Goberno pola anulación deste proxecto. Ademais, pregúntalle ao Executivo se “non comparte que a creación deste centro na cidade da Coruña sería moi recomendábel para a necesaria descentralización dos centros da Administración central”.
|


