| As mentiras do PP sobre o novo Plano Xeral |
| Venres, 05 Febreiro 2010 23:48 | |||
|
O BNG considera que na cidade hai un amplo consenso para evitar os excesos edificatorios do pasado. O BNG defende, igual que sempre, un urbanismo razoábel, de calidade e en beneficio do conxunto da cidadanía. Por isto, propiciamos que na cidade haxa un debate serio e esclarecedor sobre o novo Plano Xeral, lonxe das intoxicacións e mentiras que está lanzando o PP estes días. A cidadanía debe ter unha participación intensa neste período de información pública e o BNG xa fixo público o seu compromiso de apoiar todas aquelas demandas que vaian na liña do defendido no noso programa electoral. Lonxe disto, o PP está apelando á irracionalidade, ao medo e aos peores argumentos para descualificar un plano que vai cambiar o “desarrollismo” e os excesos do noso pasado máis recente. O PP busca como facelo o peor posíbel. Quen pode ser tan inconsciente como para defender que non se limiten dunha vez as alturas nos barrios máis saturados e sobredimensionados da cidade? O novo Plano Xeral vai limitar as alturas nos edificios de nova construción en función do ancho das rúas. Pero só nos de nova construción. Os edificios que xa están construídos non van ter problema ningún: no novo plano contémplanse calquera actuación para a conservación, rehabilitación ou reforma de calquera edificio xa construído. O PP está a desenvolver unha campaña premeditada e organizada contra o novo plano xeral, pero non porque estean en contra del, non teñen argumentos para facelo, senón porque lles serve de cortina de fume para tapar as falcatruadas que están a facer desde o goberno da Xunta. O PP non quere que na cidade se fale dos desmáns urbanísticos que están a provocar en todo o país (lei de ordenación do territorio, derogación das normas do hábitat ou unha nova lei do solo que permite máis especulación e destrución do territorio), da privatización de servizos públicos como a sanidade ou os de carácter social e do retroceso na normalización do galego. Porque non debate o PP dos aspectos máis positivos do plano? Porque non quere falar das solucións para a mobilidade, da redución do solo urbanizábel, da ampliación das zonas verdes ou da baixada da densidade edificatoria? O PP non quere unha cidade máis humana e sustentábel.
|


