| O BNG ESÍXELLE AO GOBERNO CENTRAL CAMBIOS LEXISLATIVOS PARA EVITAR A DESLOCALIZACIÓN DOS CALL CENTERS DE GALIZA, COMO SIKES NA CORUÑA E LUGO |
| Mércores, 24 Febreiro 2010 17:56 | |||
Francisco Jorquera demanda que para transferir a outros países os dados dos seus clientes, as compañías telefónicas teñan que pedir a autorización expresa e previa dos mesmosO portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, ven de presentar unha proposición non de lei na que lle demanda ao Goberno que realice os cambios lexislativos necesarios para que as compañías telefónicas que operen no Estado español non podan transferir os dados dos seus clientes a outro país se non contan coa autorización previa e expresa dos mesmos”. Ademais, o deputado do BNG preguntaralle ao Ministro de Xustiza por qué motivo o Goberno autoriza estas operacións de costas aos clientes, “e máxime cando isto constitúe o paso previo para que as operadores de telefonía e as multinacionais do telemárketing deslocalicen os seus centros de atención ao cliente do Estado español a países con man de obra máis barata, e despois de teren recibido cuantiosas axudas públicas”. Francisco Jorquera presentou o pasado 9 de febreiro unha pregunta por escrito dirixida ao Goberno na que advertía de que a decisión da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), un organismo dependente do Ministerio de Xustiza, de autorizar a Vodafone a transferir os dados dos seus clientes a diversos países de América Latina, era o paso previo para a deslocalización dos servizos de atención ao cliente que ten subcontratados á empresa Sykes, con centros na Coruña e Lugo, a outros países con man de obra máis barata. Máis de 500 despedimentos en GalizaO deputado do BNG denuncia que “este temor confirmouse o pasado luns cando Sykes presentou un ERE que afecta a 241 traballadores con contrato indefinido no seu centro da Coruña e a 37 no de Lugo, aínda que tamén están en perigo outros 109 postos de traballo na Coruña e 84 en Lugo que están vinculados á campaña 1004 de Telefónica, que remata o 31 de marzo”. Francisco Jorquera transmítelle aos traballadores e traballadoras afectados “todo o apoio e solidariedade do BNG”. “Primeiro embólsanse cuantiosas axudas públicas e logo marchan a países con man de obra máis barata”Ademais, o deputado do BNG denuncia que estas deslocalizacións “a países con man de obra máis barata prodúcense tras embolsárense en moitos casos cuantiosas axudas públicas por instalárense previamente no Estado español”. Por último, Francisco Jorquera amosa a súa preocupación porque “estas deslocalizacións a países de América Latina supoñen, en moitos casos, que se prive á clientela de Galiza, o País Vasco ou Cataluña de ser atendida na súa lingua propia”.
|


