| O BNG PRESENTA UNHA INICIATIVA QUE OBRIGARÁ A PP E PSOE A POSICIONARSE NO CONGRESO DOS DEPUTADOS SOBRE A LEI GALEGA DE CAIXAS DE AFORROS |
| Luns, 08 Marzo 2010 17:54 | |||
A proposición non de lei que se debaterá no Pleno do Congreso insta ao Goberno a retirar o recurso contra a Lei Galega de Caixas, a respectar as competencias autonómicas sobre caixas de aforros e manter o seu carácter social e vinculado ao territorioO BNG ven de presentar no Congreso dos Deputados unha iniciativa que obrigará a PP e PSOE a posicionarse sobre a Lei Galega de Caixas e comprobar se manteñen o mesmo discurso en Galiza e en Madrid. A proposición non de lei, que se debaterá tanto no Pleno do Congreso como en Comisión, ten como obxectivo, segundo o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, “que Galiza siga tendo un mapa financeiro propio, cos seus piares nas caixas de aforros, ademais de verificar que o instrumento creado para a reordenación pública do sistema financeiro, o FROB, contribúa realmente a restaurar o creto ás empresas, aos emprendedores e aos autónomos”. Retirada inmediata do recurso contra a Lei Galega de Caixas e manter o seu carácter socialNeste sentido, a iniciativa do BNG consta de catro puntos para conseguir ese fin. En primeiro lugar, ínstase ao Goberno a “manter a vixente natureza das caixas de aforros, reforzando o carácter de entidades vinculadas ao territorio e a súa vocación social, o seu papel de instrumentos de financiamento básico dos sectores económicos estratéxicos do seu entorno, renunciando a incentivar calquera proceso tendente á súa concentración centralizada e bancarización”. En segundo lugar, e como consecuencia do anterior, demándaselle ao Goberno que “retire de xeito inmediato o recurso de inconstitucionalidade contra a reforma de determinados preceptos da Lei de Caixas de Galiza, levantando os efectos suspensivos do mesmo”. Respecto ás competencias das Comunidades AutónomasAdemais, a iniciativa do BNG demándalle ao Goberno que “se comprometa a respectar as competencias autonómicas sobre caixas de aforros”. As entidades que reciban cartos do FROB deben destinalo a créditos ás empresas, autónomos e emprendedoresPor último, a proposición non de lei insta ao Goberno a “garantir que, co fin de protexer o interese público, a intervención do FROB se oriente prioritariamente á restauración do financiamento da economía produtiva, polo que se asegurará que o destino final por parte das entidades financeiras dos fondos ou avais con cargo ao FROB se dirixen á recuperación do creto a empresas, emprendedores, autónomos e ao consumo”. A nova Lei Galega de Caixas busca que o crédito chegue ás empresas e ás persoas e avanzar na democratización das caixasFrancisco Jorquera subliña que a reforma da Lei Galega de Caixas, impulsada polo BNG no Parlamento Galego, “ten como principal obxectivo, precisamente, “restaurar a fluidez de crédito e o financiamento ás empresas e aos galegos e galegas, realizando para iso a necesaria coordinación da política crediticia e de investimentos das caixas coa estratexia económica adoptada polos poderes públicos de Galiza”. Ademais, o deputado nacionalista subliña que “un segundo obxectivo, realizar unha necesaria mellora na transparencia no funcionamento dos órganos de goberno das caixas galegas”. Neste sentido, o parlamentario do BNG denuncia que “a interposición precipitada e sen negociación previa por parte do Goberno Central dun recurso de inconstitucionalidade contra a reforma da Lei Galega de Caixas, implica ademais unha paralización no ordenamento financeiro de Galiza, introducindo incertezas que teñen o seu efecto na actividade económica real e afectan á restauración do financiamento ao tecido económico e empresarial de Galiza”.
|


