A campaña está dirixida a potenciais visitantes cun poder adquisitivo medio-alto, que planifican as súas viaxes por internet e buscan un destino cunha oferta de ocio, cultura descanso
Henrique Tello amosou a vontade de chegar ao maior número de público potencial e incrementar a ocupación do pasado ano, xa que A Coruña está resistindo a crise e débese aproveitar para potenciar as escapadas dentro do Estado neste contexto de crise Tamén lembrou a necesidade de aproveitar o tirón do Xacobeo, co obxectivo de converter A Coruña no lugar de residencia dos turistas que decidan visitar Galicia este ano
O primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, presentou hoxe a nova campaña desenvolvida por Turismo da Coruña para potenciar as visitas á cidade durante a Semana Santa. A esperada ponte e os días anteriores e posteriores chegarán nun contexto económico caracterizado pola redución da renda dispoñible nos fogares españois, unha acusada tendencia á destrución de emprego e unha importante estabilidade financeira. Esta situación sen dúbida pode repercutir de xeito notable na decisión de viaxar e plasmarse na redución da oferta do transporte aéreo. Fronte a este contexto negativo, Turismo da Coruña quere aproveitar os grandes potenciais da cidade como destino ideal para escapadas curtas, procedentes de comunidades autónomas limítrofes, de Portugal e mesmo de Madrid ou Cataluña, que trae moitos e moi fieis visitantes á cidade todos os anos.
Neste público potencial inscríbese a campaña de Semana Santa, centrada en persoas de poder adquisitivo medio-alto que buscan e planifican os seus destinos por internet e queren atopar nas súas vacacións de Semana Santa un lugar no que gozar do seu tempo de ocio y descansar. Neste sentido, Henrique Tello lembrou que A Coruña é unha cidade ideal que ten valor en si mesmo para cumprir estas expectativas, ademais de que é unha cidade que como se ven demostrando nas últimas estatísticas, ven resistindo razoablemente ben a crise económica, mellor incluso que moitas cidades similares. Isto non só demostra, segundo lembrou Tello, que A Coruña ten grandes e sólidos valores, senón tamén que “estanse facendo as cousas razoablemente ben dentro do sector e nas institucións que estamos vinculadas a el”. Neste sentido, quixo destacar a importante colaboración do sector, xa que na campaña participan 25 establecementos de hospedaxe da Coruña, entre os que se atopan 17 hoteis, así como cinco empresas de turismo activo.
Tamén destacou o primeiro tenente de alcalde a necesidade de aproveitar o Xacobeo, no que o obxectivo que se persegue desde Turismo da Coruña é conseguir que a cidade se converta no lugar de residencia das persoas que visiten Galicia durante este ano, e que desde A Coruña planifiquen as excursións a outros puntos da comunidade. Neste sentido, lembrou que se calcula que entre o 60 e o 70 por cento dos cartos que gasta un turista durante as súas viaxes quedan na cidade na que pernocta.
A CAMPAÑA Con respecto á campaña, o obxectivo é incentivar as visitas á cidade en datas nas que o consumidor con probabilidade opte por viaxar dentro do Estado no seu vehículo particular. Por tanto, insistirase na incidencia sobre o público potencial de Asturias, Castela León, Madrid, Sevilla, Bilbao, Zaragoza ou Barcelona, facendo especial fincapé na comunicación a través da rede, que constitúe xa a vía máis habitual para planificar as viaxes por parte das persoas de poder adquisitivo medio-alto. Por tanto, desde o día de onte estase reforzando a comunicación vía electrónica da campaña, que se presenta a través dunha páxina web específica (www.plancorunasemanasanta.com ) e á que se pode acceder tamén a través do portal de Turismo da Coruña. Ademais, a publicidade da campaña posicionarase en webs punteiras para o sector dos viaxeiros como Vía Michelín, Diario del Viajero e Trivago, a través da que se canalizará un xogo sobre a cidade que permitirá participar nun sorteo de estancias para dúas persoas de dúas noites de hotel nun establecemento da cidade e os billetes de avión.
Nesta web, que se presenta en tres idiomas, ofrécense os atractivos turísticos da cidade, con información sobre visitas destacadas, roteiros de interese, oferta gastronómica, cultural e de ocio. Unha novidade destacada é a inclusión dunha ferramenta de cálculo que inclúe sinalizacións e mapa e que permitirá ao internauta calcular a ruta desde a súa localidade de orixe até A Coruña.
Henrique Tello puxo de manifesto a vontade de Turismo da Coruña de chegar a través desta campaña ao maior número de visitantes potenciais á cidade, de xeito que as cifras “esperanzadoras” non só de ocupación hoteleira senón tamén de visitas á Torre de Hércules, atención nas oficinas de turismo, ocupación do aeroporto de Alvedro –todas superiores ás do ano pasado- sigan nesta liña ascendente no período de Semana Santa se consiga superar o 70,91 por cento de ocupación acadado en 2009.
|