|
A Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou esta mañá o concerto de Clunia Jazz que terá lugar o próximo venres, 17 de xullo, ás 21.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro. Este concerto que estaba previsto como peche do Iberojazz 2009 o pasado 31 de xaneiro tivo que ser aprazado por culpa dun accidente doméstico dun dos integrantes do grupo tal e como explicou a concelleira e será finalmente o próximo venres. Así, Nani García (piano), Baldo Martínez (Contrabaixo), Fernando Llorca (Batería), Roberto Somoza (Saxos) e Matthew Simon (trompeta) ofrecerán un recital no que se poderá gozar de novas composicións pero tamén de versións de temas do grupo.
Clunia JazzBanda de Jazz Galega Internacional fundada nos anos 80 formada por Nani García (piano), Baldo Martínez (contrabaixo) e Fernando Llorca (batería). En 1982 despois do seu bautismo como teloneiros de Wynton Marsalis no Festival de Jazz da Coruña gravan o seu primeiro disco, Clunia Jazz. Uníndose á formación o saxofonista, xa desaparecido, Antonio Cal.
O ano 1983 foi un ano trascendental non só para os membros do grupo Clunia, senón para a historia do jazz en Galicia. A comezos dese ano edítase o primeiro disco de jazz galego e feito en Galicia, co título Clunia Jazz anónimo do grupo.
Participan en diversos certames, obtendo o segundo premio no Concurso Internacional do Festival donostiarra na súa 19ª edición onde participou obtendo o Segundo Premio ao mellor grupo e o Primeiro de Composición ao pianista Nani García. Ademais participan nas primeiras Xornadas de Jazz de Santiago de Compostela xunto a Tete Montoliu. Foi en 1983 cando se consolidou un dos grupos de Jazz máis prestixiosos, e tal vez a formación máis estable no noso país no que a esta música se refire, e por suposto un ano de referencia como parte do comezo da historia do jazz en Galicia. A partires de aquí iníciase unha longa carreira que aínda continúa por sorte para todos os afeccionados ao jazz. En 1984 gravan o seu segundo disco, Arredores Periódicos, para o selo Jazz Stop, coa colaboración do saxofonista Jorge Pardo. En 1985 son galardoados co Primeiro Premio no Concurso Internacional do Festival donostiarra, xunto à cantante portuguesa María João. É en 1986 cando maior recoñecemento se lles deu: Premio Jazz En Vivo 86 ao Mellor Grupo Nacional, Coruñeses do Ano en Artes e Letras e VII Festival de Jazz en Madrid.
O grupo Clunia gravou diversos programas de radio e televisión, tanto para cadeas españolas como estranxeiras, como por exemplo So Jazz (para a televisión portuguesa), La Buena Música (TVE), Jazz Entre Amigos (TVE), Concerto ‘Cinco Siglos de Arte Español (RTV francesa) ou con Maria João en A Boa Música (TVE).
En 1987 sae ao mercado o seu terceiro disco co título ‘Rúa Cega’ e o mesmo ano participan en París como representantes do jazz español na exposición "Cinco séculos de arte española", no Museo de Arte Contemporánea de París. Despois entran nunha etapa na que os seus proxectos individuais teñen mais importancia que o grupo, co que seguen actuando esporadicamente e en 1992 incorporan ao saxofonista norteamericano Tom Gullion, co que gravan o seu último disco até o momento, ‘Carpediem’.
No transcurso dos anos pasaron por distintas formacións mantendo como base fundamental do grupo a mesma sección rítmica. As últimas colaboracións foron co trompetista italiano Paolo Fresu, un dos músicos europeos de jazz máis destacados dos últimos anos, e co gran mestre Kenny Wheeler.Na actualidade están a preparar un novo CD que sairá a próxima primavera, coa súa nova formación en quinteto en que ademais do trío orixinal se lle suman o saxofonista Roberto Somoza e o trompetista Matthew Simon. Iberojazz 2010 María Xosé Bravo anunciou as próximas datas de celebración do Iberojazz para o próximo ano 2010 que terá lugar do 22 ao 29 de xaneiro e contará con concertos no Teatro Rosalía de Castro, no Fórum Metropolitano e nos distintos clubs da cidade que colaboran co festival.
O Iberojazz 2010 suporá un impulso especial para o jazz galego que recibirá un apoio especial ao sector nestes tempos de crise por parte da Concellaría de Cultura. Así os concertos servirán ademais para a presentación de novos proxectos.
|