Maria Xose Bravo

Axenda

Xullo 2010
L M m X V S D
28 29 30 1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31 1

Sindicación

Todo o sitio:
RSS 2.0 - todo o sitioATOM - todo o sitio

Novas Grupo Municipal:
RSS 2.0 - Novas Grupo MunicipalATOM - Novas Grupo Municipal

Novas BNG:
RSS 2.0 - Novas BNGATOM - Novas BNG

 

Inicio Cultura ‘As actas escuras’ de Roberto Vidal Bolaño chega ao Teatro Rosalía de Castro da man do Centro Dramático Galego
‘As actas escuras’ de Roberto Vidal Bolaño chega ao Teatro Rosalía de Castro da man do Centro Dramático Galego PDF Imprimir Correo-e
Mércores, 17 Marzo 2010 18:14

XOSÉ MANUEL OLVEIRA ‘PICO’ E RICARDO DE BARREIRO ENCABEZAN O AMPLO ELENCO DESTA TRAMA CENTRADA NUNHA INVESTIGACIÓN SOBRE OS RESTOS DO APÓSTOL


A OBRA SUBE POR PRIMEIRA VEZ AOS ESCENARIOS 18 ANOS DESPOIS DA SÚA ESCRITA DESDE A FIDELIDADE AO TEXTO ORIXINAL E Á VISIÓN DO TEATRO QUE TIÑA O PROPIO AUTOR


A CONCELLEIRA DE CULTURA, MARÍA XOSÉ BRAVO, PRESENTOU ESTA MAÑÁ A OBRA QUE SE REPRESENTARÁ NO TEATRO ROSALÍA DE CASTRO O VINDEIRO VENRES ÁS 20.30 HORAS


A Concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, presentou esta mañá a obra ‘As actas escuras’ de Roberto Vidal Bolaño que o Centro Dramático Galego achega ao Teatro Rosalía de Castro o vindeiro venres ás 20.30 horas baixo a dirección de Xulio Lago.A obra que se presentará o venres 19 e o sábado 20 ás 20.30 horas no Teatro Rosalía Castro da Coruña é unha obra de Roberto Vidal Bolaño recuperada 18 anos despois da súa escrita para os escenarios da man do director Xulio Lago e dun elenco integrado por 14 recoñecidos actores e actrices.

Esta primeira posta en escena do texto gañador do Premio Xacobeo de Textos Teatrais en 1992 supón todo un fito no actual panorama escénico galego, achegando finalmente aos espectadores un gran drama sobre a ocultación da verdade e o sentido da ética no que se reflicten tanto a forza simbólica como o espírito crítico característicos de Vidal Bolaño, un dos grandes nomes do teatro galego contemporáneo.

Neste sentido, Xúlio Lago asumiu a dirección escénica desta produción desde a fidelidade á obra orixinal e á visión do teatro que tiña o propio autor, falecido en 2002. O espectáculo resultante obtivo un gran éxito de público durante a súa exhibición en Santiago, desenvolvendo agora unha xira que se estenderá ata primeiros de abril e durante a que visitará un total de sete localidades galegas.

Xosé Manuel Olveira "Pico" e Ricardo de Barreiro encabezan o elenco, do que tamén forman parte César Cambeiro, Ursia Gago, José García, Mónica García, Teté García, César Goldi, Xoán Carlos Mejuto, Fernando Morán, Rodrigo Roel, Pepe Soto, Agustín Vega e Marcos Viéitez. Estes 14 intérpretes, moitos dos cales tiveron a oportunidade de traballar baixo as ordes de Vidal Bolaño en diferentes espectáculos, encarnan os trinta personaxes ideados polo autor para desenvolver esta trama, centrada nunha investigación sobre o redescubrimento dos restos do Apóstolo na Compostela da segunda metade do século XIX.

Percorrido pola Compostela do século XIX


Xogando cos xiros de varios paneis móbeis, o espazo escénico e o atrezzo deseñados por Rodrigo Roel facilitan os rápidos cambios de escena e ambientación que guían ao espectador nun percorrido pola cidade: a vella estación de Cornes, unha fonda, o café El Siglo, un salón de barbeiro, os sotos da catedral, os salóns do palacio arcebispal… No equipo artístico de As actas escuras figuran asemade Antón Arias Marsal, quen compartiu con Xulio Lago o deseño de iluminación; Manuel Riveiro, a cargo do deseño do espazo sonoro e La Canalla, do vestiario. Ademais, María Armesto exerceu como axudante de dirección.

A obra comeza coa chegada a Compostela do monxe dominico Don Mauro, quen a petición do cardeal Payá e Rico, máxima autoridade eclesiástica da cidade, debe avalar co seu prestixio como arqueólogo a veracidade dos ósos soterrados na catedral. Don Mauro terá que redactar un informe co resultado das súas investigacións, que será enviado a Roma para ser ratificado polo Papa León XIII. Para esta tarefa, viaxa acompañado do seu sobriño Casiano, mozo librepensador, licenciado en Xeografía e Historia, que no seu afán por buscar a verdade dende postulados científicos, causará certas reticencias tanto nos numerosos cóengos catedralicios como noutros representantes da curia eclesiástica.

Venda de entradas


As localidades para as dúas funcións no Teatro Rosalía Castro poranse á venda ata o venres 19 na billeteira da praza de Ourense en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas, e os días de función, na billeteira do Teatro de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas. Tamén poden adquirirse de xeito anticipado a través da páxina web www.servinova.com e na billeteira telefónica 902 504 500. O prezo das entradas é 10,00 e 7,00 euros (cun desconto do 20% para as persoas maiores de 65 anos, usuarios do carné xove e desempregados).