| A TORRE DE HÉRCULES INICIA O ANO DUPLICANDO AS VISITAS CON RESPECTO A XANEIRO DE 2009 |
|
|
|
| Luns, 01 Febreiro 2010 16:59 | |||
Durante o primeiro mes de 2010 achegáronse ao faro romano preto de 3.600 persoas, fronte ás preto de 1.900 rexistradas no mesmo período do ano pasadoO Primeiro Tenente de Alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, amosou a súa satisfacción por este récord de visitantes que significa un excelente arranque dun ano tan importante como o XacobeoA Torre de Hércules foi durante o ano 2009 a gran protagonista das actuacións de promoción que se desenvolveron desde Turismo da Coruña. Un esforzo que se está vendo recompensado polo paulatino incremento de visitas rexistrado desde a súa designación como Patrimonio da Humanidade, que culminou no pasado mes de xaneiro cun récord de visitantes, que se duplicou con respecto ao mesmo período de 2009, cun total de 3.565 visitantes fronte aos 1.882 do pasado ano. As datas nas que se achegaron máis persoas a coñecer o faro romano foron o sábado 2 de xaneiro, con 363 visitas, seguido do sábado 30, con 439 visitas, nunha lista que se completa cos días 4 (luns) e 31 (domingo), con en torno a 330 persoas. O primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, amosou a súa satisfacción polos bos resultados rexistrados neste mes de xaneiro, nos que se bateu o récord de visitantes, o que significa un excelente arranque dun ano tan importante como é o Xacobeo, o primeiro no que a Torre de Hércules pode lucir a súa distinción como Patrimonio da Humanidade. Tamén salientou que estes datos son o froito dunha intensa campaña de promoción impulsada pola Concellería de Turismo e multitude de proxectos e actuacións realizadas na Torre de Hércules e a súa contorna, que continuarán durante este ano. Entre eles figuran os proxectos de mellora á atención ao visitante, renovación completa da iluminación, inclusión de soportes tecnolóxicos, novos sistemas de saneamento, musealización ou tratamento directo da pedra. O investimento previsto este ano para realizar todas estas actuacións supera os 500.000 euros. Programa para escolaresAdemais, Turismo da Coruña segue emprendendo accións de divulgación dos aspectos artísticos, patrimoniais e históricos non só entre os visitantes que se achegan á Coruña, senón tamén entre diversos colectivos entre os que ocupa un lugar destacado o dos escolares. Nesta liña inscríbese o programa “O Vagalume da Torre”, que se puxo en marcha no mes de xaneiro con moito éxito entre a comunidade educativa. Utilizando a maxia como fío condutor e ao monologuista Rober Bodegas como mestre de cerimonias, nunha atractiva presentación na que o “mago” Bodegas fai desaparecer a torre, este programa de actividades trata de achegar o faro romano aos nenos de educación infantil e primaria de todos os centros públicos da Coruña. Entre as actividades que inclúe o programa figuran un obradoiro de pintura artística a cargo de Raúl Velloso, a participación no blog O Vagalume da Torre, obradoiros de sombreiros ou obradoiro de lendas. Ademais, durante este mes de febreiro organizaranse visitas dramatizadas á Torre de Hércules, nas que participarán numerosos centros da cidade.
|





