| TURISMO DA CORUÑA PRESENTARÁ EN LONDRES A SÚA OFERTA AOS PRINCIPAIS TOUROPERADORES EUROPEOS |
|
|
|
| Luns, 08 Febreiro 2010 15:00 | |||
Participará no workshop organizado pola Asociación Europea de Touroperadores, co fin de potenciar a captación de visitantes estranxeiros, poñendo especial énfase nas cidades con conexión directa a AlvedroO primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, salientou que esta acción enmarcada no Plan Director de Desenvolvemento Turístico da Coruña demostra a vontade por potenciar os atractivos da cidade máis valorados polos europeos, como a gastronomía, a oferta cultural e de ocio ou a paisaxeTurismo da Coruña participará este venres, 12 de febreiro, en HEM 2010 (Hoteliers European Market), que se celebrará en Londres. Trátase dun workshop organizado pola Asociación Europea de Touroperadores, no que se presentará a oferta da cidade, así como as tarifas dos hoteis coruñeses a unha selección de quince importantes axentes de viaxe europeos. Entre eles destacan touroperadores de Reino Unido ou Holanda, co fin de aproveitar as conexións directas de Alvedro que existen na actualidade e as que se porán en marcha nun futuro inmediato, como é o caso do voo a Amsterdam. Esta acción ten como obxectivo avanzar na promoción da cidade co fin de captar novos turistas europeos, tal como se recolle nas liñas estratéxicas do Plan Director de Desenvolvemento Turístico da Coruña. Neste documento fíxanse como algúns dos segmentos de turismo potencial o de familias estranxeiras e tamén os chamados empty nesters (parellas de mediana idade con fillos emancipados e poder adquisitivo medio e alto). A estes colectivos e tamén aos viaxeiros de negocios, un sector que na Coruña atópase en plena expansión, quere chegar Turismo da Coruña a través de accións como este workshop, no que se presentarán os principais atractivos da cidade, poñendo especial énfase en elementos moi valorados polos visitantes como a gastronomía, a oferta cultural e de ocio ou a costa e as paisaxes. O primeiro tenente de alcalde e responsable da área de Turismo, Henrique Tello, salientou que este tipo de accións demostran a vontade de reforzar a imaxe da Coruña en Europa e potenciar as calidades da cidade como destino alternativo ao de sol e praia, potenciando valores como a cultura, a gastronomía ou a identidade propia a través das tradicións, a historia ou o patrimonio arquitectónico. Neste punto, lembrou que a Torre de Hércules será un dos principais reclamos debido á súa declaración como Patrimonio da Humanidade, e que cada vez rexistra máis visitas de turismo estranxeiro grazas á súa proxección internacional. Tamén indicou que a celebración do Xacobeo constitúe unha gran oportunidade para captar ao turismo europeo, convertendo A Coruña nun capítulo imprescindible na visita a Galicia e presentando o Camiño Inglés como unha modalidade en alza á hora de peregrinar a Santiago de Compostela.
|





